U-la Lúa?

Agora este espectáculo en 2 formatos para desfrutala en teatros e auditorios, pero tamén en bibliotecas ou colexios…

Unha historia sobre a igualdade onde a violencia non ten cabida e a ilusión fai dos soños unha realidade.

A gatiña Lúa non ten irmáns e a avoa non lle deixa saír fóra, mais ela soña con viaxar, coñecer novos lugares e ter amigas para xogar.

Cando logra saír atópase cun gato que tamén intenta impedirlle que realice os seus soños, pero Lúa di NON, porque ninguén ten dereito a destruír os seus soños e ilusións.

.

Ao teatro!

Unha proposta escénica baseada no conto de Lúa e dirixida ao público familiar con títeres de mesa e música en directo.

En U-la Lúa? cobran importancia valores como a tenrura, o respecto ou a solidariedade. Un mundo onde a violencia non ten cabida, e onde ilusión fai dos soños unha realidade.

Idades: dende os 4 anos

Duración: 45 min.

.

En bibliotecas e colexios… «Lúa pola Igualdade»

Neste formato reducido con títeres e a narración oral adáptase a calquera espazo por pequeno que sexa, sendo unha boa opción para bibliotecas ou colexios.

Lúa é unha gata que vive coa súa avoa nunha humilde casa. No exterior contan cun fermoso xardín no que Lúa pasa as horas xogando soa. Non ten irmáns e a avoa lle deixa saír fóra, mais Lúa soña con viaxar, coñecer novos lugares e ter amigas e amigos para xogar. 

Illada do mundo, sen ver máis alá dos muros que rodean o xardín, un día deulle por subir a ese muro. O que viu dende alí deixouna apampada. A tan só unha carreiriña había un parque! Cos seus bambáns e un tobogán enorme. Chegaría nun intre. Era doado… ou iso semellaba.

Idades: dende os 3 anos

Duración: 35 min.

Valoracións da actividade por parte dos colexios

«Dende o CEIP Mar de Fóra consideramos que a actividade foi moi amena, didáctica e divertida. Os nenos quedaron encantados coa actividade, permanecendo tranquilos e sendo partícipes da mesma (cousa que en infantil ás veces é complicado). O tempo da actividade, así como os materias e a profesionalidade e empatía de Celtia parecéronnos estupendos. Por todo isto, consideramos que a relación calidade-prezo é boa. Moitas grazas, foi un pracer contar co voso espectáculo» – CEIP Mar de Fóra, Fisterra.

«A resposta é un aplauso unánime. A actividade gustou moito, en todos os niveis. Tiñamos as nosas dúbidas con respecto a 5º e 6º polo que decidimos preguntar directamente ao alumnado. Tamén eles e elas foron unánimes. Gustoulles moitísimo e engadiron un aspecto moi interesante en 6º. Sirveulles paraaprender a contareles e elas historias» – CEIP de Xuño, Porto do Son.

«Quedamos encantados coa actuación. Foi estupenda! Os cativos estiveron encantados!» – Biblioteca do Chouzo, Vigo.

«A verdade é que nos encantou o contacontos. Intentara conseguir o conto previamente, pero creo que foi moito mellor que coñecesen a historia a través do contacontos e  logo reforzala co  conto en papel (que xa conseguimos). Aos nenos e nenas gustoulles tanto que tódolos días  discuten para ver quen leva o conto para a casa (e eso que merquei dous exemplares e eles son 9). Podo asegurar que lles atraeu moito, xa que adoitan ser moi movidos cando lemos contos, cando lles conto historias… e o outro día sorprendeume o calados que estaban, que parecía que tiveran vergoña.  Tedes o meu aplauso e recoñecemento. Comentarvos que tamén me parece moi interesante o poder acceder a diferentes actividades a través do código QR do conto. Noraboa polo ben que traballades» – Escola da Modía, Cambados.

«A actividade foi moi boa. Axeitada á idade do alumnado tanto no tempo como no contido e posta en escea con profesionalidade, o que captou a atención dos nenos e nenas desde o principio» – EEI O Areal, Baiona.

«A obra gustounos moito ás profes e a os nenos e nenas, estiveron moi entretidos. O contido é adecuado a estas idades e chegou a mensaxe que se quería transmitir» – CEIP Emilia Pardo Bazán, A Coruña.

«A actuación foi estupenda, os nen@s quedaron encantados e chegaron as súas casas supercontentos coa actuación que lle fixera Celtia na escola» – EEI de Aro, Negreira.

«O contacontos encantounos! A historia de Lúa gustou moito a maiores e pequenos, aínda que estes últimos quizais foron os que máis a desfrutaron. Grazas polo material didáctico e noraboa polo voso traballo» – CEIP de Viñas, Poio.

«Dende o CEIP de Quiroga, parabéns pola actividade. Foi moi divertida, interesante e adecuada ás idades. Gustou moito a profesorado e alumnado. Celtia é unha escritora e narradora estupenda. Meteu a rapazada na historia de principio a fin. Os monicreques estaban moi logrados» – CEIP de Quiroga.

«Bo día, a actividade lle encantou tanto aos nenos e nenas maiores como aos máis pequenos. E unha maravilla que se fagan actividades como a vosa» – CEIP Manuel Sueiro, Ourense.

«O CEIP Pazos-Comoxo está encantado coa actividade de «U-la Lúa» e a mestra, que xa veu á contacontos en acción máis veces, tamén encantada e abraiada da maxia que ten contando historias. Contaremos convosco sen dubidalo!» – CEIP Pazos-Comoxo, Boiro.

.

E agora tamén vía Streaming

Dadas as especiais circunstancias nas que nos atopamos e intentando que a actividade cultural siga en marcha malia a CoVID e as duras medidas que temos que vivir, damos a opción de retransmitir o espectáculo en vivo vía Streamig. Para máis detalles podedes contactar connosco en comunicacion@axaneladomaxin.com

U-la Lúa Streaming
Primeira retransmisión escolar en directo de «U-la Lúa?». CEIP Eduardo Ávila Bustillo (A Veiga) 10/11/2020