Quen somos?

O noso equipo artístico

Topo Vidal: Director artístico, dramaturgo e actor; Celtia Figueiras: Produtora, directora, actriz e escritora;  Vadim Yuknevich: Músico e compositor; Mauricio Caruso: Músico; Sara Laya: Actriz e bailarina; Mario Rodríguez: Actor; Lois Prado: Compositor e músico; ; Julia Abal: Artista plástica e actriz.

Que facemos?

Os nosos espectáculos fusionan  o teatro de monicreques, o de actor, o teatro visual e de obxectos, os efectos lumínicos e escenográficos, o espazo sonoro con música en directo e a innovación artística. Unha pluridimensionalidade que abrangue diferentes linguaxes e formas e por iso contamos con profesionais especializados en cada un dos ámbitos.

Traballos interdisciplinares dirixidos maiormente a un público infantil e familiar nos que a parte visual e a poesía da imaxe son parte fundamentais, mais nos que tamén se fomentan valores como a igualdade, o respecto ás diferenzas, a tenrura…  con gran sensibilidade e especial coidado da linguaxe.

ENTREVISTA- https://titeredata.eu/celtia-figueras-galicia/

A Historia de “A Xanela do Maxín”

Comezamos a nosa andadura no ano 2007 coa creación e representación do espectáculo “Chincha Rabincha” e na actualidade levamos producidos 22 espectáculos, que por orde de Estrea son os seguintes: “Chincha Rabincha” (2007), “En Busca da Arte” (2008), “Os Libros do Titiriteiro” (2009), “A Caixa de Nuk” (2009) e “A Pequena Lúa” (2009), “O Rei Destronado” (2010), “Titeremusicontos” (2010), “O Murmurio do Mar” (2013) “A Paz no Peto e O Caletre Atento” (2013), “So Lles Falta Falar” (2014), “Dondo” (2014), “As Aventuras de Gale” (2017), “Ula Lúa?” (2017), “Historia da Lingua” (2018), “O Apalpador e a nena sen medo” (2018), “A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza” (2019), “Apalpador 3.0” (2019), “A viaxe de Saira” (2020), “A Gárgola do Mestre Mateo” (2020), “Leonardo e os biosbardos” (2021), Toupiciencia (2022) e “Lúa quere viaxar a… Marte” (2022) cos cales asistimos a festivais tanto nacionais como internacionais:  Titirisanse (Madrid), Festival de UNIMA CYL (Soria), Juglares (Córdoba, Argentina), Salta (Argentina), Festival MAIZ (León), Festival de Títeres de Redondela, Galicreques (Santiago de Compostela), entre outros.

Como compañía participamos na Rede Galega de Teatros e Auditorios, na Rede Galega de Salas, Rede Cultural da Deputación da Coruña, en Cultura no Camiño, na Rede de Auditorios da Deputación de Ourense, en Ler Conta Moito, no Circuíto de CiudaDistrito (Madrid), na Rede de Teatros e Auditorios de Castela e León, no Circuíto de Artes Escénicas e Musicais de Aragón, etc.

Publicacións

No 2018 publícase o conto “Ula Lúa?”, no 2019 “O Apalpador e a Nena sen medo”, no 2020 “A Viaxe de Saira” e no 2022 “Lúa quere viaxar a…Marte!” e “O libro da Toupiciencia”. Adaptacións en formato conto dos espectáculos a través do selo Guindastre Edicións.

Audiovisual

No 2020 emítese a primeira serie audiovisual creada pola compañía: Os Toupiconsellos, para o Fondo de Proxectos Culturais da Xunta de Galicia:

https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/rede-de-dinamizacion-linguistica/programas/_/contido_0152/aculturasegue

No 2021, continuamos con A Toupiciencia, na que participaron persoeiros de diferentes eidos da ciencia, como Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño, Minia Manteiga… entre outros.

https://www.lingua.gal/recursos/todos/_/promovelo/contido_656/toupiciencia-xanela-maxin