Dende Rosalía
A través dunha viaxe imaxinaria guiada pola simpática Pinti, o público emprende un percorrido emocionante pola historia literaria de Galicia da man das súas grandes creadoras. Desde Rosalía de Castro —símbolo de valentía, liberdade e amor pola terra— ata Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta, cada parada permite descubrir vidas rebeldes, obras luminosas e voces que abriron camiño.
Nunha combinación de teatro, poesía, música e pequenas sorpresas escénicas, hologramas e personaxes fantásticos conviven para mostrar que estas mulleres non só fixeron historia, senón que continúan inspirando ás xeracións máis novas. A obra é unha celebración da lingua galega, da creatividade e da forza das mulleres que a mantiveron viva, desde as escritoras máis coñecidas ata as cantareiras anónimas que transmitiron cultura de xeración en xeración.
Un espectáculo dinámico, entrañable e participativo, que remata en festa e lembra que cada nena e cada neno levan dentro un anaco de Rosalía… e de todas aquelas mulleres que soñaron un mundo máis libre.
Valoracións de DENDE ROSALÍA
“Contidos axeitados para a idade e boa posta en escena. Novidosa, lúdica e moi acertada” – CEIPP de Abanqueiro (Boiro)
“Unha boa actuación. Moi dinámica e con moita implicación por parte da actriz” – CEIPP de Artes (Ribeira)
“Entretida, didáctica e moi recomendable. Encantoume e considero moi motivador esta actividade con moita animación e diversidades, cambio de personaxes. Unha boa posta en escena e un bo actor para achegar ao alumnado de primaria as figuras relevantes das nosas letras. Unha moi boa proposta! Recomendado!” – CEIP de Ventín (Ames)
“Moi profesional e adaptada á idade do alumnado a que ía dirixida. Gustaríanos volver a contar novamente con funcións coma esta, coa mesma calidade. Moi boa a función, tanto a posta en escena como o contido. Nótase cando se pode contar con profesionais na materia” – CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos)
“Adecuada, estimulante e atractiva para o alumnado. Moi ben por alternar diferentes momentos, actuacións personaxes e facela dinámica. Bo traballo” – CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos)
“Unha obra moi axeitada para achegar ao alumnado ás autoras ás que lles foron dedicadas as Letras, dun xeito lúdico e divertido. Encantoume a temática, o texto e a posta en escena. Moi interesante e amena. O alumnado de 1º ESO tamén quedou moi contento. Grazas! “– CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños)
“Moi interesante xa que nos permitiu coñecer dunha maneira moi lúdica a vida e obra das mulleres que foron homenaxeadas o día das Letras Galegas. Gracias por fomentar a cultura galega poñendo en relevancia as mulleres no Día das Letras Galegas” – CEIP Altamira (Salceda de Caselas)


